domingo, 17 de octubre de 2010

O camiño polo pacto contra a pobreza en imaxes.



Imaxes: Pedro Agrelo,Chus Álvarez, Paco Rodríguez, Silvia Muiña.

sábado, 16 de octubre de 2010

Que vai supor o Pacto contra a Pobreza?

As distintas ONG´s participantes nestas iniciativas valoran o que vai supor a firma do Pacto contra a Pobreza, un documento subscrito pola Coordinadora Galega de ONG´s e os tres partidos parlamentarios.

Xosé María, presidente da Coordinadora Galega de ONG's


José Luis, de Intermon-Oxfam Galicia


Alejandro, de Asamblea Galega de Cooperación pola Paz


Jorge, de Farmamundi


Paula, de Axuda en Acción


Luci, de Amigos da Terra


Paula, de EntreCulturas


Amalia, de Intered


Carme, de Mans Unidas



Videos: Xurxo Salgado

O prometido é débeda

Finalmente asinouse o Pacto contra a Pobreza. PPdeG, PSdeG e BNG puxeron a súa sinatura nun documento que lles compromete a cumprir unha promesa; destinar 0,7% dos orzamentos da Xunta a cooperación e desenvolvemento. Agora o compromiso xa está por escrito.

Foto: Silvia Muíña

O camiño da esperanza

Rematou o camiño contra a pobreza e comeza outro camiño máis longo e máis duro. Os cooperantes galegos cumpriron. Agora tócalle aos políticos actuar e cumprir as súas promesas.

E é que hoxe asinouse, finalmente, o Pacto Galego contra a Pobreza. Un documento que pide que os orzamentos da Xunta destinen o 0,7% para a cooperación e desenvolvemento e que se poñan en marcha mecanismos para favorecer o papel das ONG´s como axentes de cooperación.

O mundo da cooperación galega cumpriu, e o fixo con creces. Se non chegaba coas dúcias de proxectos que desenvolven ao longo de todo o mundo coa colaboración desinteresada de centos de voluntarios, esta semana deron un novo paso. Máis ben milleiros, centos de milleiros, quizais millóns de pasos para reclamar que se cumpra un obxectivo que levan anos agardando; o 0,7% dos orzamentos a proxectos de cooperación.

Última etapa



A última etapa convocou hoxe a máis de medio cento de cooperantes galegos que percorreron os oito quilómetros que hai desde o Monte do Gozo ata a catedral. Os veteranos, os que fixeron todo o Camiño, estaban emocionados. "Non sei... Teño unha mestura de sentementos que non sei explicar", comentaba María. "É algo que che cambia a visión das cousas", corroboraba Paula. E tanta emoción por un fin tan simple pero tan difícil; rematar coa pobreza.

Logo de máis dun cento de quilómetros nas pernas, con varios actos de cocienciación con escolas e veciños dos concellos do Camiño, os cooperantes galegos están de noraboa. Conseguiron sentar nunha mesma mesa aos voceiros parlamentarios dos tres partidos parlamentarios para comprometelos a cumprir as súas palabras. E agora é o turno dos políticos.

No papel quedan reflectidos os seus compromisos. Agora son eles os que teñen que cumprir. Para nós, para todos os cooperantes, iniciase agora un novo camiño, o camiño da esperanza. Esperanza en que se cumpra o asinado... Pero agora, a diferencia de antes, xa hai un papel oficial enriba da mesa.


Fotos: Silvia Muíña
Texto: Xurxo Salgado

viernes, 15 de octubre de 2010

Últimos pasos cara o Pacto contra a Pobreza

O Camiño polo Pacto Galego contra a Pobreza chega este sábado o seu destino. A marcha organizada pola Coordinadora Galega de ONGs, que saiu o pasado luns de Sarria, fai hoxe noite no Monte do Gozo e mañá sairá ás 9 horas do albergue do Monte do Gozo cara a Santiago. Para as 11.30 horas da mañá está prevista a sinatura polos políticos do Pacto Galego contra a Pobreza no salón nobre do Pazo de Fonseca, nun acto aberto á asistencia do conxunto da cidadanía.




A sinatura do Pacto culmina toda unha semana de actos de sensibilización ó longo de todo o Camiño, o último en Arca (O Pino), onde o alcalde dou lectura ó manifesto contra a pobreza e onde máis dun cento de escolares escenificaron actividades e representacións que prepararan previamente, durante esta semana, en torno ós Obxectivos do Milenio. O acto contou tamén, igual que onte, coa colaboración do contacontos Anxo Moure.


Texto: Agareso
Fotos: Paco Rodríguez.

jueves, 14 de octubre de 2010

Únete al camino por el Pacto Gallego contra la Pobreza

ÚNETE AL PACTO GALLEGO CONTRA LA POBREZA.AGARESO from AGARESO on Vimeo.



Video: Jorge Vidal

Descubrindo o noso impacto no medio




Cuarta etapa do Camiño, Arzúa-Arca (O Pino). Comeza a xornada cunha actividade cos estudiantes do instituto de Arzúa. Cada día, o grupo da Coordinadora Galega de ONGs da lectura a un manifesto xeral contra a pobreza nos países do Sur e traballa máis en detalle algún dos oito Obxectivos do Milenio. En Arzúa tocou a análise do obxectivo 7, o de garantir a sostibilidade medioambiental, para o que son precisas políticas que eviten a destrucción de biodiversidade, que frenen o cambio climático e que garantan o acceso a auga potable e a servizos de saneamento. Os alunos tiveron tamén ocasión de comprobar o seu propio impacto sobre o medio, facendo o test da pegada ecolóxica. O acto contou coa participación do alcalde de Arzúa e do contacontos Anxo Moure.

A marcha contra a pobreza da Coordinadora Galega de ONGs está a chegar esta tarde noite a Arca (O Pino), de onde sairá mañá para o Monte do Gozo. A chegada a Santiago para o acto de sinatura do Pacto Galego contra a Pobreza será na mañá do sábado.

Texto: Agareso
Imaxes: Lorena Seoane/Coordinadora Galega de ONG

“O noso único mérito foi nacer no lugar axeitado”


















En Palas de Rei, punto de inicio da nosa terceira etapa do Camiño, facemos parada no
instituto de secundaria local para trasladarlle ó estudiantado as mensaxes da campaña
Pobreza Cero, en especial a necesidade dun maior compromiso político na loita contra a
pobreza dos países do Sur.



Un grupo de alunas fai seu o manifesto elaborado pola Coordinadora Galega de ONGs
e léeo no patio ante outros estudiantes. “O noso único mérito é ter nacido no lugar
axeitado, pero hai miles de millóns de persoas que naceron no lugar equivocado”, le
unha aluna. Outra compañeira súa continúa a lectura e chama á responsabilidade dos
países do Norte en relación co Sur. Repite varias veces as mesmas palabras que o grupo
da Coordinadora está a trasladar esta semana ao longo do Camiño. Ética, xusticia social,
solidariedade co Sur e, sobre todo, responsabilidade.



















Cos actos que se desenvolven estes días na marcha cara a Santiago, a Coordinadora trata
de sensibilizar a estudiantes, peregrinos, políticos locais e demais cidadáns sobre os
verdadeiros motivos da situación do Sur. Non se trata, explican, de que as poboacións
do Sur non queiran traballar nin de que sufran gobernos corruptos nin de que teñan
que esperar a que o libre mercado ou o crecemento económico leven por sí mesmos a
un maior desenvolvemento social. O analfabetismo, a falta de atención sanitaria ou a
mala alimentación teñen máis que ver coa falta de oportunidades, cunha condea sobre o
Sur en forma de débeda externa, normas de comercio internacionais ou falta de axuda.

Os tópicos que se manexan no Norte a pé de rúa, máis que para explicar as causas da
pobreza, serven para manter conciencias tranquilas.

Texto: Gonzalo Brocos
Imaxe: Pedro Agrelo

martes, 12 de octubre de 2010

Galería fotográfica do segundo día



Imaxes: Pedro Agrelo

“¿ Qué puedo hacer para cambiar esto ?”















Case nove de cada dez persoas se pronuncian nas enquisas a favor da axuda de cooperación ó desenvolvemento. Esta mañá en Portomarín, antes de saír cara Palas de Rei, o grupo da Coordinadora Galega de ONGs comprobou que entre peregrinos e veciños de Portomarín a porcentaxe tampouco baixa. “Qué puedo hacer? Dadme un número de cuenta”, pedía unha peregrina danesa minutos despois de que se instalara unha mesa informativa sobre a campaña Pobreza Cero na praza do Concello. Explicáronlle entón que na mesa só se recollían sinaturas para emprazar á Xunta de Galicia a destinar o 0,7 por cento de fondos a cooperación, que era só un acto informativo, así que, non moi convencida, conformouse con asinar e con asegurar maior participación futura na causa de Pobreza Cero.















Ó pouco para outra peregrina e pregúntanos que canto é. Con tan boa disposición que ten, carteira en man e sacando xa algunhas monedas, é mágoa que non sexa unha alto cargo político. Só algún despistado que non se lembra do Dni queda sen asinar. Tampouco falta quen confunde a mesa informativa cunha mesa petitoria de fondos e trata de esquivar o encontro, pero o balance de só media mañá en Portomarín, no día despois do San Froilán, rúas medio desertas, sáldase cunha quincena de follas repletas de sinaturas. A mañá culmina cun acto institucional, onde a alcaldesa, acompañada por varios concelleiros da corporación, le un manifesto contra a pobreza. Logo comeza o camiño que nos levará esta tarde noite ata Palas de Rei, onde a Coordinadora Galega de ONGs aproveita o Camiño polo Pacto Galego contra a Pobreza para celebrar unha xunta directiva.

Texto: Gonzalo Brocos
Imaxe: Pedro Agrelo



lunes, 11 de octubre de 2010

Obxectivo 0,7 por cento para Galicia


O Camiño polo Pacto Galego contra a Pobreza trata da visibilizar a importancia dun compromiso, o Pacto, polo que a Coordinadora Galega de ONGs leva traballando os últimos anos. No Pacto, os tres grupos con representación parlamentaria comprometeranse este sábado a adicar maiores esforzos á reducción da desigualdade Norte-Sur. O obxectivo máis medible e con data, o de destinar para o 2017 o 0,7 por cento dos presupostos da comunidade á cooperación para o desenvolvemento.

Camiñando na primeira etapa, entre Sarria e Portomarín, aproveitamos para sondear a credibilidade que lle merece ós caminantes o compromiso político. ¿Cómo crer nesta sinatura cando os gobernos, tanto o estatal como o autonómico, están a baixar os cartos adicados á cooperación; cando estamos en tempo de recurtes sociais e cando en Galicia actualmente non se chega a un 0,1 por cento de presuposto adicado á cooperación? Ninguén me sabe contestar.

No fondo, o Pacto Galego contra a Pobreza entronca cos mesmos problemas que atravesan os Obxectivos do Milenio. Asinados no 2000 por 189 países co obxectivo de erradicar a pobreza no 2015, o tempo corre cara o 2015 sen perspectivas de que esa declaración de intencións se transforme en realidades.

Claro que co aumento de axuda á cooperación, ata o 0,7 por cento, tampouco chega. O Pacto e a campaña de sensibilización desenvolvida pola Coordinadora tratan de concienciar tamén da necesidade dun cambio de políticas mercantiles e financieiras internacionais. O libre mercado, explícase, non serve para erradicar a pobreza. A mensaxe que se lle envía á sociedade é que para erradicar a pobreza faise preciso un cambio de políticas e unha asunción colectiva e individual da responsabilidade ética, política e económica que o Norte ten na situación do Sur. O cambio comeza por cada un, polo cambio do entorno máis próximo e polo cambio da propia sociedade.

Texto: Gonzalo Brocos
Imaxe: Pedro Agrelo

Galería fotográfica do primeiro día




Fotos: Pedro Agrelo

'O pacto contra a pobreza é necesario porque Galicia é unha das comunidades que menos cartos adica a cooperación'

María Paz, da Coordinadora galega de ONGs, fálanos do Pacto Galego contra a Pobreza e dos obxectivos de sensibilización do Camiño de Santiago polo Pacto, unha iniciativa que culmina o próximo sábado en Compostela.



Vídeo: Pedro Agrelo

Seguindo a frecha contra a pobreza

















A pobreza do Sur é invisible no Norte. Fóra de desastres humanitarios, non adoitan chegar ós grandes medios nin imaxes nin informacións sobre as necesidades das poboacións do Sur no acceso a educación, sanidade, alimentos ou servizos sociais básicos. Como xeito de visibilizar a necesidade de apoios permanentes e estruturais ós países do Sur, a Coordinadora Galega de ONGs programou durante esta semana unha marcha polo Camiño de Santiago. A actividade, que se enmarca na campaña ‘Pobreza Cero’, trata de concienciar sobre a necesidade de avanzar cara o cumprimento dos Obxectivos do Milenio.

Un equipo de xornalistas de Agareso acompañará durante toda a semana a marcha da Coordinadora, que culminará o sábado 16 coa sinatura en Santiago do Pacto Galego contra a Pobreza, un documento no que os tres partidos políticos con representación parlamentaria se comprometen a maiores esforzos para a reducción das desigualdades Norte-Sur.



















Iniciamos hoxe o camiño en Sarria con actividades cun grupo de estudantes de Eso do concello. Os rapaces e rapazas de Sarria elaboran debuxos e len minimanifestos contra a pobreza. “No mundo hai suficiente para todos pero está moi mal repartido porque algúns témolo todos e outros nada”, explica unha rapaza. Dito o mesmo en estatísticas, o 20 por cento da poboación mundial ten o 85 por cento da riqueza e outro 20 por cento un 1,1 por cento. Saímos de Sarria. Esta tarde chegaremos a Portomarín.


Texto: Gonzalo Brocos

Imaxe: Pedro Agrelo