lunes, 11 de octubre de 2010

Obxectivo 0,7 por cento para Galicia


O Camiño polo Pacto Galego contra a Pobreza trata da visibilizar a importancia dun compromiso, o Pacto, polo que a Coordinadora Galega de ONGs leva traballando os últimos anos. No Pacto, os tres grupos con representación parlamentaria comprometeranse este sábado a adicar maiores esforzos á reducción da desigualdade Norte-Sur. O obxectivo máis medible e con data, o de destinar para o 2017 o 0,7 por cento dos presupostos da comunidade á cooperación para o desenvolvemento.

Camiñando na primeira etapa, entre Sarria e Portomarín, aproveitamos para sondear a credibilidade que lle merece ós caminantes o compromiso político. ¿Cómo crer nesta sinatura cando os gobernos, tanto o estatal como o autonómico, están a baixar os cartos adicados á cooperación; cando estamos en tempo de recurtes sociais e cando en Galicia actualmente non se chega a un 0,1 por cento de presuposto adicado á cooperación? Ninguén me sabe contestar.

No fondo, o Pacto Galego contra a Pobreza entronca cos mesmos problemas que atravesan os Obxectivos do Milenio. Asinados no 2000 por 189 países co obxectivo de erradicar a pobreza no 2015, o tempo corre cara o 2015 sen perspectivas de que esa declaración de intencións se transforme en realidades.

Claro que co aumento de axuda á cooperación, ata o 0,7 por cento, tampouco chega. O Pacto e a campaña de sensibilización desenvolvida pola Coordinadora tratan de concienciar tamén da necesidade dun cambio de políticas mercantiles e financieiras internacionais. O libre mercado, explícase, non serve para erradicar a pobreza. A mensaxe que se lle envía á sociedade é que para erradicar a pobreza faise preciso un cambio de políticas e unha asunción colectiva e individual da responsabilidade ética, política e económica que o Norte ten na situación do Sur. O cambio comeza por cada un, polo cambio do entorno máis próximo e polo cambio da propia sociedade.

Texto: Gonzalo Brocos
Imaxe: Pedro Agrelo

1 comentario:

  1. O cambio comeza por iniciativas como esta vosa, a da Coordinadora, a das persoas que se unirón ao camiño e a de todos os que a apoian dende a distancia. Estou segura de que isto chegará a bo porto. Animo neses 100 quilómetros por un pacto que tedes por diante.

    ResponderEliminar