lunes, 11 de octubre de 2010

Seguindo a frecha contra a pobreza

















A pobreza do Sur é invisible no Norte. Fóra de desastres humanitarios, non adoitan chegar ós grandes medios nin imaxes nin informacións sobre as necesidades das poboacións do Sur no acceso a educación, sanidade, alimentos ou servizos sociais básicos. Como xeito de visibilizar a necesidade de apoios permanentes e estruturais ós países do Sur, a Coordinadora Galega de ONGs programou durante esta semana unha marcha polo Camiño de Santiago. A actividade, que se enmarca na campaña ‘Pobreza Cero’, trata de concienciar sobre a necesidade de avanzar cara o cumprimento dos Obxectivos do Milenio.

Un equipo de xornalistas de Agareso acompañará durante toda a semana a marcha da Coordinadora, que culminará o sábado 16 coa sinatura en Santiago do Pacto Galego contra a Pobreza, un documento no que os tres partidos políticos con representación parlamentaria se comprometen a maiores esforzos para a reducción das desigualdades Norte-Sur.



















Iniciamos hoxe o camiño en Sarria con actividades cun grupo de estudantes de Eso do concello. Os rapaces e rapazas de Sarria elaboran debuxos e len minimanifestos contra a pobreza. “No mundo hai suficiente para todos pero está moi mal repartido porque algúns témolo todos e outros nada”, explica unha rapaza. Dito o mesmo en estatísticas, o 20 por cento da poboación mundial ten o 85 por cento da riqueza e outro 20 por cento un 1,1 por cento. Saímos de Sarria. Esta tarde chegaremos a Portomarín.


Texto: Gonzalo Brocos

Imaxe: Pedro Agrelo

1 comentario:

  1. Que alumnos de ESO teñan que facernos ver que o mundo está moi mal repartido... Isto debenos facer unha idea da sociedade na que vivimos. Grazas pola testemuña.

    ResponderEliminar